Como xa supoño que saberedes , temos un pequeno rincón de poesía no noso centro , onde de forma semanal se poñen a vosa disposición poemas para ler e tamén e se vos gustaron , para levar para casa .
Deixovos aquí un pequeno exemplo :
UN HOME
Aprendeu a escribir no servicio militar.
A raia da súa sinatura
risca coma unlla que sulca o xelo no parabrisas dun tractor.
Pono nervioso o teléfono,
ese estraño que entra sen chamar á porta,
con zapatos de cidade,
e que o can non cheira.
Falar fala moi pouco.
A vida comeulle as palabras
ao tempo que agrandaba as mans.
Esas mans cavaron pozos e sostiveron tellados.
Nesas circunstancias cómpre ter a boca ben pechada..
Pero nin sequera así é capaz de ver matar o porco,
a única carne que lle gusta, mellor se está queimada.
O viño ten que ser barato,
e entón, cando o bebe en longos grolos,
penso que lle axuda a tragar
unha historia que xamais contará.
Cando mira o lume das achas na cheminea,
vai nun tren que atravesa a neve.
Colleríao da man, porque é o meu pai,
pero abráiano tanto as mostras de agarimo
coma o aire dun lobo.
Manuel Rivas, Costa da Morte Blues
0 comentarios:
Publicar un comentario